Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Mar por medio

Todo o que pasa no Reino Unido, en Praza Pública
Sobre o blog  Contáctanos  

Cando parece que non queren que vaias votar

Inclúome entre eses galegos rabudos aos que se as eleccións os pillan no estranxeiro empérranse en ir votar. Xa o fixen nas pasadas municipais e volvereino facer nestas autonómicas.

É que exercer este dereito moitas veces convértese nun auténtico acto militante. Implica gastar cartos e tempo en viaxar a outra cidade e aturar un proceso que pode ser realmente molesto.

O meu caso non é tan grave como o grupo de estudantes desprazado en Noruega que de querer votar terían que atravesar o país e percorrer 1600 km. Nin tampouco como o daqueles galegos e galegas que vivindo en Belfast teñen que ir á outra illa para chegar ao consulado de Edimburgo. Eu vivo na cidade inglesa de Birmingham e para votar teño que ir 200km ao sur até a sección consular de Londres.

Consulado de España en Londres

Foto: Rita Álvarez Tudela

Este martes tocoume pasar 3 horas metido nun bus en dirección a capital británica para levar un documento de solicitude de voto. Polo camiño non paraba de pensar que xa que van confiar o meu sufraxio nos servizos de correos españois e ingleses, non vexo por que non podía ter mandado o condenado papel por vía postal no canto de facer semellante viaxe. Pero non, o procedemento obriga a ir persoalmente.

Este trámite que temos que seguir para solicitar o voto os que estamos temporalmente desprazados no estranxeiro é unha fotografía dunha administración profundamente obsoleta e que pode ser peor que unha dor de moas para a diáspora galega. Explícome.

Para solicitar o voto esperábase que cubrise un formulario estándar e que, de ser necesario, me rexistrase nun censo como “transeúnte”. Este proceso poderíase amañar de xeito moi sinxelo a través dun formulario na rede. Existe un DI electrónico e hai experiencias abonda de administración en liña para facer estas cousas.

Mais prefírese que teñamos que acudir persoalmente, se cadra nun intento de incentivar o voto (nótese a ironía). Ademais, nas tres horas que pasei na sala de espera do consulado, puiden ver que os problemas con esta administración esténdense a todo tipo de trámites. Moi pouca xente no tempo que pasei alí saíu do edificio coa xestión completada.

Se queremos unha administración pública próxima ao cidadán e que realmente lle sexa útil, hai que comezar a facer as cousas fáciles. Non é lóxico que poidamos mercar en liña ou xestionar as nosas contas bancarias desde o móbil, pero que sexa imposíbel enviar por internet un documento ao consulado. A tecnoloxía está aí, pero falla a vontade política de utilizala.  

Galegos emprendedores en Escocia

Chegaron como seguimos chegando. Fartos, tristes, porque poucas gañas de marchar había, ou igual si, pero non desta maneira, que parece que nos botan a patadas. Pero a rabia dá forza, o dicir “ata aquí”, e en vez de encollérmonos e lamentar a nosa sorte, animounos a apretar os dentes e tirar para adiante. Tamén axudan as gañas de aventura que dan os vinte e tantos, todo é moito máis doado cando non nos ata nada e queremos comer o mundo.” Unha reportaxe de Ana González Chouciño para Praza.

Sssssshhhhhhh….

 Teño nas mans un libro. A capa é de pel de vitela e o papel é fino, como papel de fumar.

Ao pasar as páxinas renxe, coma unha velliña subindo escaleiras.

O libro é de 1630. É un sinodal de Lugo. Teño que buscar en google o que é un sinodal. Unha reunión de eclesiásticos convocada polo bispo.

 

As follas ulen a coiro curtido. Pecho os ollos e tento buscar o olor da tinta, do papel, pero todo ule a coiro. Agora as miñas mans tamén ulen a coiro vello.

 

Trémenme as mans. Estou en Oxford, e este libro imprimiuse en Lugo, no 1630. Logo viaxou a Madrid (nun carro?) para obter a certificación de copia verídica do orixinal e logo non sabemos. Seguiu viaxando, cruzou o mar, e chegou ata a biblioteca do Queen’s College de Oxford.

 

Cada capítulo comeza cunha fermosa letra enorme, decorada con plantas, flores e paxariños. Penso no ferreiro que gravou este tipo. É un H. Ese día chovería fóra. Sería nalgures en Alemania, ou Madrid, ou Betanzos, nunha ferrería especializada en tipos. Tería os dedos negros, queimados, serían dedos gordos de unllas pequenas e negras, incrustadas na pel coma cunchas de ameixa. Pero traballaría horas naquel H, as mans grosas movéndose coa axilidade dunha bailarina, creando aquel paxariño, aquela folla de vide no ferro quente.

 

Penso na imprenta, no olor a tinta, nos golpes dos tipos de ferro. Na cara de satisfacción do tipógrafo ao desfacer o paquete envolvido en panos acabado de chegar dunha ferrería en Alemaña, Madrid ou Betanzos, cos novos tipos que encargaran había meses. Era un bo traballo.

 

Xa tiñan todo, os pregos de papel, os tipos, e o coiro a encurtir. En cousa de semanas estaría rematado o traballo e cobrarían os catro pesos prometidos por prego. Xa non chove, saiu o sol e pola fiestra da imprenta a muralla brilla, fermosa.

 

Devolvo o libro ao seu andel. Non debería estar facendo isto. Ben sei que estes libros non se poden tocar. Pero xa non podo esperar a ter outro momento segredo, para volver a Lugo, á imprenta, ao 1630.

Queen’s Pandeireteiras: o son da nosa música en Oxford

Este texto foi publicado orixinalmente en Galiza no UK, un punto de econtro virtual para a comunidade galega no Reino Unido que botou a andar o pasado domingo.

A universidade de Oxford é unha das institucións de educación superior máis coñecidas e prestioxas do mundo. Nela formouse unha boa parte da elite política e intelectual do Reino Unido, desde Margaret Thatcher até Kean Loach, pasando por Tony Blair ou Tariq Ali.

Pero o que resulta difícil de imaxinar é que aparte de futuros líderes mundiais tamén podes atopar un grupo de música tradicional galega: as Queen’s pandeireteiras.

A argalleira responsábel é Laura Sáez, lectora de galego no Queen’s College e que desde o Centro de Estudos Galegos fai un traballo moi importante dirixido a espallar a nosa cultura.

O ano pasado púxose en contacto con Manolo Panforreteiro, músico galego emigrado en Oxford, para que fixese de profesor no primeiro obradoiro de música tradicional.

Encheron a universidade coa melodía das gaitas e as pandeiretas, pero soou tan alta que desde a dirección do colexio fixéronos interromper a sesión pola metade. A Laura quedoulle unha espiña cravada e este ano quixo retomar a idea.

Desde principio de curso, Oxford acolleu clases de pandeireta unha vez por semana. O programa ía dirixido principalmente a estudantes da universidade e deste xeito apuntáronse Allison, Phoebe e Francesca, que non son os típicos nomes que podes atopar nunha banda tradicional do país.

Pero como nos dixo a organizadora, despois desta primeira matrícula “comezaron a saír galegos de debaixo das pedras como champiñóns”. O grupo foi medrando ao se sumaren persoas alleas ao mundo universitario pero moi interesadas na nosa cultura. Mesmo unha moza mexicana de avós galegos reatopouse coas súas orixes grazas ás Queen’s Pandeireteiras.

Despois de moitos meses ensaiando, este grupo de mozas tan heteroxéneo tocará en público por primeira vez. O concerto inaugural terá lugar hoxe ás 8 no pub James de Oxford, onde terás a oportunidade de escoitar como a cultura galega se funde coa comunidade local para interpretar a nosa música.

Hoxe lánzase a campaña do SI ao referendo de independencia de Escocia 

O mapa xornalístico do Reino Unido 

Segundo os retuiteos. Unha vez máis, no Guardian.

José Carlos Tenreiro (U. de Exeter): Understanding a Minority Language: The Sociolinguistic Reality in Galicia
María Liñeira (Queen’s College, U. de Oxford): Overpopulated Language and Literary Citizenship
Olga Castro (U. Aston): Galician Literature in English Translation.

  • José Carlos Tenreiro (U. de Exeter): Understanding a Minority Language: The Sociolinguistic Reality in Galicia
  • María Liñeira (Queen’s College, U. de Oxford): Overpopulated Language and Literary Citizenship
  • Olga Castro (U. Aston): Galician Literature in English Translation.

O discurso da Raíña, os Lores e outras ranciadas

Hoxe foi o “discurso da Raíña”. E non, non falo dunha película, senón dunha destas tradicións rancias que teñen no UK. Todos os anos a monarca diríxese ao parlamento para expor a axenda gobernamental do vindeiro termo. Non é que sexa Elizabeth quen lle diga a Cameron o que ten que facer, senón que fala no seu nome. Daquela non tería máis sentido que fose directamente o primeiro ministro quen se dirixise ao parlamento? Pois si, pero de toda a vida fíxose deste xeito e non parece que vaia cambiar.

Un dos temas dos que se falou foi da reforma doutra “ranciada” que teñen no Reino: a cámara dos Lores. É o equivalente ao noso senado o que pasa é que no canto de estar elixido por sufraxio universal, basicamente os seus membros desígnaos a nobreza e o clero.

O partido Liberal-Demócrata, un dos que sustenta o goberno, leva moito tempo solicitando unha importante reforma da cámara para que os seus membros sexan representantes electos. Este é un dos temas nos que máis friccións teñen cos seus socios conservadores que non ven con bos ollos a democratización dos Lores.

Este asunto pode traer unha crise de goberno, porque a ala máis dereita do partido conservador acusa a David Cameron de ceder demasiado diante dos Liberal-Demócratas, e estes á súa vez presionan para que esta sexa a lexislatura da reforma. A xogada do Primeiro Ministro foi meter unha declaración de intencións no discurso da Raíña pero sen ningún compromiso concreto, o que lle permitiría adiar indefinidamente o proxecto.

Está por ver en que remata o asunto, porque como dicían hoxe en El País, os británicos son moito de escornarse con asuntos deste estilo. Está en cuestión o liderado de Cameron, que pode afrontar unha rebelión de parlamentarios e á vez o futuro dos Liberal-Demócratas, que nestas últimas municipais acadaron mínimos históricos.  

Eleccións á alcaldía de Londres. Boris vs ‘Red’ Ken: os personaxes

                Candidatos á alcadía de Londres en contra da homofobia

O Reino vai de eleccións! Todo? Non, só algunhas localidades. Se o outro día Xabier falou de Escocia, hoxe tócame a min falar de Inglaterra. Concretamente de Londres.

O sistema de goberno municipal que teñen aquí é cousa moi complicada. O aparello de estado é moi vello e herdan estruturas de tempo atrás. E iso nótase no día a día.

Para simplificar, deixémolo en que unha das cousas que van elixir é o alcalde de Londres. Este é un cargo que se creou moi recentemente, no ano 2000 para ser exactos, e desde entón só dúas persoas o ocuparon. O laborista Ken Livingstone nas dúas primeiras lexislaturas, e o conservador Boris Johnson nesta última. E son estes dous os que se baten hoxe outra vez.

Non me gusta caer no bipartidismo, hai máis candidatos, pero é que estes merecen un post. Tanto un coma outro, son dos “personaxes” máis particulares da política do Reino (co permiso de George Galloway), así que ídesme permitir que ignore un pouco aos outros contendentes e vos faga un breve perfil destes dous.

Boris

Boris, só Boris. Así é como o coñecen en Londres. Non é algo moi habitual chamar aos políticos polo nome de pila, pero é que non estamos a falar dun político corrente.

Xa a súa imaxe sorprende. Co pelo sempre enredado, pode aparecer en calquer sitio montado na súa bicicleta e cunha mochila ás costas. En moitas ocasións definírono como “bufón” por mor da súa excentricidade, o seu sentido do humor e as súas saídas de ton.

E que estamos a falar dun home que chegou a dicir que votar aos conservadores facía que “a túa muller tivera os peitos máis grandes” e que aumentaba as posibilidades de “conseguir un BMW M3”. Poderiades pensar que é unha especie de Conde Roa á inglesa, pero coido que ten máis elegancia.

Ven dunha familia británica de clase alta. Estudou en Oxford e fixo parte dunha sociedade moi elitista chamada Bullingdon Club, unha rapazada coñecida por destrozar restaurantes e logo deixar un cheque para pagar o que romperon. A xeito de curiosidade, aquí coincidiu con David Cameron, o actual primeiro ministro.

A súa carreira política é bastante recente. En realidade, el comezou no xornalismo. En The Times para ser exacto. Aínda que aí durou pouco porque o botaron por falsificar unha cita. Onde tivo máis éxito foi no Daily Telegraph, como correspondente internacional e sobre todo como columnista. Segue a escribir un artigo semanal para este xornal, polo que cobra a nada desprezábel cifra de 250 mil libras ao ano. Aínda que xa dixo que para el isto só eran catro pesos.

A principios da década, cando era director da revista “Spectator” comezou na política. Elixírono deputado e mantivo este cargo até que se presentou a alcalde en 2008. Iso si, tivo tensións coa directiva dos conservadores. A prensa sensacionalista acusou a Boris de enganar á súa muller durante catro anos, e iso non gustou nada no Partido.

Neste tempo as súas opinións políticas foron mudando. Por exemplo sobre o matrimonio gai. En 2001 afirmou o seguinte:

“Se o matrimonio gaiestá ben -e isto non o teño claro- en principio non vexo ningún motivo para que non se poidan casar tres homes, do mesmo xeito que o fai unha parella, ou mesmo tres homes e un can”

Recentemente, e xa desde a alcaldía, foi máis comedido. De feito, hai unhas poucas semanas impediu que unha asociación cristiá difundise unha campaña anti-homosexualidade nos autobuses de Londres. Desta volta dixo o seguinte:

“Londres é unha das cidades máis tolerantes do mundo e intolerante coa intolerancia. É ofensivo suxerir que ser gai é unha enfermidade da que un se pode curar, e non estou preparado para ter tal afirmación nos buses de Londres”

Boris é un personaxe moi controvertido da política inglesa. Primeiro fala e logo se iso pide perdón, aínda que isto lle cree inimizades. Da cidade de Portsmouth chegou a dicir que era “unha das cidades máis deprimidas do sur de Inglaterra, un lugar cheo de drogas, obesidade, subdesenvolvemento e deputados laboristas”. Non parece o mellor xeito de facer amigos.

En 2008 sorprendeu que fose capaz de vencer ao veterano Ken Livingstone en Londres. Á noite saberemos se recunca. O que é certo é que a pesar do seu carácter (ou grazas a el), Boris fíxose un oco moi importante na política do Reino. Hai poucos políticos conservadores que lle poidan facer sombra ao mesmo David Cameron. Quen sabe, igual nuns anos vémolo concorrendo para dirixir o seu partido.

‘Red’ Ken

Nos anos 80 a prensa rebautizou a Ken Livingstone como ‘Red’ Ken. Definíase como socialista e era un firme detractor dos gobernos de Margaret Thatcher, polo que sempre o asociaron coa ala máis á esquerda do laborismo.

Aínda no 2007 xustificou a asistencia dun “alcalde socialista” ao foro de Davos do seguinte xeito:

“Sigo a crer que chegará o día no que a idea dos medios de produción en mans privadas (…) será considerada tan antidemocrática como que os servos puideran estar atados á terra. Pero non vivirei para velo.”

Para maior indignación da dereita, Livingstone ten unha relación bastante próxima con Hugo Chávez. Mesmo asinou un acordo entre Venezuela e Londres polo que intercambiaban petróleo barato a cambio de apoio en xestión de residuos e reciclaxe.

Pero malia todo, ‘Red’ Ken sempre foi un personaxe que foi moi por libre. Tivo importantes desencontros con outros líderes da ala esquerda do laborismo, como John McDonnell ou Tony Benn, e xa nin falemos coa directiva do seu partido. De feito, expulsárono no ano 2000 cando decidiu concorrer como candidato independente á alcaldía de Londres despois de perder as eleccións internas do laborismo. Aínda que se reafiliría catro anos despois, neste tempo tivo un importante choque co goberno de Blair cando se opuxo á privatización parcial do metro da cidade.

Ao igual que o seu rival Boris, a Ken Livingstone tamén se lle quenta a boca con facilidade. Mais non te o humor do alcalde conservador. Nun enfrontamento cun xornalista xudeu do London Evening Standard chegou a comparalo co “garda dun campo de concentración”. E non foi esta a única vez que tivo conflitos con esta comunidade. Nesta mesma campaña fíxose público un desencontro cunha agrupación de laboristas de relixión xudía a raíz dunhas declaracións nas que afirmou que non recabaría apoios entre eles porque eran “ricos”.

Aos seus 66 anos de idade e despois dunha vida dedicada á política, este veterano laborista aspira a conquistar Londres por cuarta vez. A primeira foi nos oitenta, antes de que Thatcher eliminara aquel cargo chamado líder do “Great London Council”, e as dúas seguintes xa como alcalde entre o 2000 e o 2008.

1ª Foto CC BY-NC Lewsihamdreamer

2ª Foto CC BY-ND BackBoris2012

3ª Foto CC BY-NC Overseas Development Institute

Sermos emigrantes

Galicia é sinónimo de emigración, diso non cabe dúbida algunha. Somos unha comunidade emigrada pero, ao mesmo tempo, temos esa consciencia de ser un pobo, cunha mesma cultura e cun mesmo idioma que nos une na distancia. Desta fermosa forma, moit@s nos consideramos galeg@s.

Nunca pensei que eu formaría parte desa comunidade que non reside na propia terra. Aínda recordo as historias que me relataban meus avós, daqueles que foron facer as Américas e volveron a terra con cartos para toda a familia no bo dos casos. Lembro tamén os contos sobre toda esa xente que marchou para Alemaña buscando un emprego para mellorar na vida e que a día de hoxe aínda reside a medio camiño entre a terra galega e o norte de Europa.Aeroporto de A Coruña, dirección Londres

Observamos estes feitos desde a distancia, como algo que aconteceu nun pasado lonxano, pero é posible que as cousas non mudaran tanto desde entón. Día tras día, a xente abandona a terra buscando xa non mellorar, senón poder saír adiante nunha época que recorda as xa mencionadas. Cando o paro na xuventude chega ata un 50%, o único que se pode facer é “fuxir” e intentar sobrevivir .

Igual a emigración é unha solución como sinalou o conseller de Emprego da Generalitat, Francesc Xavier Mena dicindo que para paliar a crise sería bo que a xente nova se fora a Londres “a servir cafés para gañar fluidez co inglés”. E é que neste mundo no que nos tocou vivir, neste intre, as cousas non resultan sinxelas, e máis aínda se tes menos de 30 anos.  

O devir da historia é cíclico e os movementos migratorios aparecen e reaparecen unha e outra vez, pero algo acontece de especial forma no noso caso: a formación de comunidades propiamente galegas no estranxeiro. Nun momento no que as novas tecnoloxías e as redes sociais marcan a evolución da sociedade, os galegos facemos un uso delas para “buscarnos e atoparnos”. Apenas tardou en aparecer na masificada rede de Facebook un grupo chamado Galegos en UK ou  un perfil co nome de Galego en Londres.  Creamos comunidades como fixeron os nosos antepasados baixo a denominación de centros galegos. A historia é, polo tanto, cíclica. Repetimos o que aconteceu nun pasado non tan afastado, pero coa nova base das redes sociais. Ser, somos un pobo e, como tal, precisamos reunirnos e sentirnos preto.

É posible que esta primeira intervención miña careza de moito aire xornalístico, pero o certo é que tampouco intentei buscalo. Só quixen facer unha pequena homenaxe a tod@s aqueles que residimos fora da Nosa Terra e que deixamos parte do noso corazón espallado polo fogar de Breogán e nas súas xentes. Non esquecemos quen somos e de onde somos: Galiza.