Xaime dicíame onte, nun café de Portobello (Londres), que o desesperaba a lentitude do servizo. Seis camareiras, e vinte minutos para poñer dous cafés…! Por esta mesma percepción pasamos algún día todos os que escribimos este blog. Laura, María, Daniel, Duarte e eu mesmo (Xabier) estamos esparexidos por distintos puntos de Gran Bretaña e temos visións moi distintas sobre o café británico en particular e, en xeral, sobre como se vive a vida aquí. A perplexidade ante a lentitude das cafeterías é un dos tópicos de ser galego ou galega no Reino Unido. Se nos dan os azos, iremos revisando estes e máis nas semanas que temos por diante.
Nós os cinco somos unha minusculísima mostra de todos os galegos que viñeron ao Reino Unido, especialmente nos últimos meses. Non se nota en ningures mellor que aquí, nesta cafetería, situada no corazón de Portobello: galegos turistas, galegos buscando traballo, galegos que chegaron nos anos sesenta, galegos que teñen os seus fillos estudando aquí e veñen facer inspección, galegos que montaron restaurantes españois…
Mais volvamos ao café. Quen fala comigo e quen paga a consumición é Xaime Varela. Dá clases de galego preto de alí, no instituto Cañada Blanch, un centro público de moita tradición na comunidade hispana, e galega, en Londres. Do que fai, e de como conseguiu que o seu traballo pedagóxico fose recoñecido como un modelo de boas prácticas polo Ministerio de Educación, xa falaremos outro día. Este é o primeiro post, dirixido a presentar o blog Mar por medio, e non imos gastar toda a pólvora hoxe. De como dar clase de galego aquí, das eleccións municipais de maio, dos Xogos, de costumes e tópicos locais, dos galegos que buscan traballo en Birmingham e de moitas máis cousas continuaremos conversa aquí: o correo PrazaUK@gmail.com está aberto a que nos digades en que queredes que furemos. Os lectores e as lectoras apuntan; nosoutros disparamos.